Tes que engadir un widget, unha fila ou un deseño preconstruído antes de que poidas ver algo aquí. 🙂

Como todos os anos, xa están aquí os Roteiros de Outono! Esta é a programación para o mes setembro.

A situación derivada da Covid-19 segue sen evolucionar de xeito que nos aconselle organizar desprazamentos grandes e estadías en estabelecementos hostaleiros, polo que estas actividades seguirán a ser de proximidade, como as da pasada primavera. Deixaremos proxectos máis complicados para máis adiante.

  • O sábado 4 de setembro teremos unha visita nocturna guiada ao impresionante conxunto de petróglifos de Vilarmaior. Como sabedes, a observación nocturna dos petróglifos é a máis axeitada para aprecialos no seu detalle. A hora de saída será as 20:30 desde o Concello de Vilarmaior. Agárdase unha duración de tres horas, aproximadamente. A visita correrá a cargo de Jorge García Varela, Guía de reservas naturais. Levar roupa axeitada ás condicións atmosféricas que se presentaren, bo calzado e unha lanterna para alumar polo camiño.
  • O luns 13 de setembro programamos dúas visitas guiadas ao Pazo de Meirás (xardíns, capela e dependencias exteriores). O límite de prazas a 20 aconséllanos programar visitas de mañá e tarde para que cadaquén escolla o horario (11h. ou 17 h.) que máis se lle axeite. Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, autores do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio e membros da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, serán os guías. 
  • O domingo 26 de setembro, en colaboración con Compás Proxectos, termos o paseo ecoturístico comentado Os muíños de Chantada e a Ribeira de Souto. Nel visitarase o conxunto de muíños desa localidade e procederase á observación da fauna da ribeira. A saída será da igrexa de Santa María de Souto ás 10:00 horas e o percorrido, de dificultade baixa, terá unha duración aproximada de 4 horas.
Os muíños de Chantada e a Ribeira de Souto.

Atención: Todas estas actividades teñen límite de prazas! Convén inscribirse canto antes, atendendo ás datas que se consignan no cartaz. Terán prioridade as persoas socias. No caso de que comprobemos que queda moita xente fóra repetiremos a actividade noutra data. 

Deixar unha resposta