O río dos dous nomes, en plena Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo é sen lugar a dúbidas unha ruta de auga e muíños. Unha simbiose entre unha paraxe case salvaxe e a man do home que interveu sabiamente na natureza para mellorala. 

Nada máis comezar pódese gozar de catro muíños, parte dun conxunto etnográfico de sete destas estruturas típicas do rural galego. Á altura do cuarto muíño, unha enorme rocha sinala un camiño de terra que conduce ata unha nova construción de maiores dimensións. O río e a vexetación harmonizan con gran beleza onde se levanta o sétimo muíño. 

A ruta permite contemplar os tramos máis fermosos do río Fervenzas que nace perto da aldea de Vexo.

Un pouco antes da minicentral, un ramal comunica en poucos minutos cunha ferrería, o Machuco de Ois. Despois de cruzar a ponte que une ambas as ribeiras, seguindo por unha paraxe moi fermosa, ascéndese ata o encoro que alimenta a minicentral.

Chegando ao noveno muíño do percorrido, un pequeno bosque autóctono constitúe o tramo máis interesante do sendeiro.

Acceso á ruta O río dos dous nomes

No termo municipal de Coirós. O lugar da Ponte Xora, á beira do río Fervenzas, está na estrada local que se desvía da N-VI na parroquia de Sta. María de Oís e diríxese a Ponte Aranga.

Máis info:

No blog E outro pouco andando, de Miguel Gayoso, gran coñecedor da etnografía do Concello de Coirós.

Na web de Turismo de Galicia, na que poderedes ver a dificultade e coordenadas da ruta.

Facemos plans?

Deixar unha resposta