A andaina nocturna que estamos a preparar desde COMPáS Proxectos parte do Centro de Interpretación do ámbito fluvial, situado en Chelo. Un lugar perfecto para pasar a tarde gozando da frescura do río, escoitando o cantar dos paxaros e observar a vexetación que rodea as Fragas do Mandeo.

O lugar de Chelo está encravado en pleno Lugar de Interese Comunitario (LIC) Betanzos-Mandeo. A densa vexetación atlántica acompañaranos ao longo dos camiños á beira do Mandeo. No transcurso da ruta poderemos ver con detemento sapos comúns, tritóns, píntegas e outros anfibios. As pronunciadas ladeiras que o flanquean neste tramo, conforman un ámbito que destaca pola súa beleza paisaxística e polos seus valores naturais rodeadas de carballos, sabugueiros, bidueiros, ameneiros e salgueiros.

Agora que ven o verán
gañancia para os gadañeiros
que andan de prado en prado
á sombra dos ameneiros

Chelo foi declarado Paraxe Pintoresca en 1971. Na actualidade encóntrase dentro da delimitación do LIC e da Zona de Especial Protección polos seus Valores Naturais (ZEPVN) Betanzos-Mandeo.

Ao longo do camiño atoparémonos cas ruinas do balneario de Bocelo que funcionou ata os anos 80. Chegando de nova á Presa de Chelo, que é base do Couto de Pesca do Mandeo. Un couto recoñecido en todo o noroeste peninsular pola súa riqueza piscícola e pola lonxitude do seu tramo salmoneiro.

Ao longo da Andaina Nocturna gozaremos dunha experiencia extrasensoriale máxica. Fomentarase ao longo do percorrido en valores de conservación e valorización a riqueza do ámbito do río Mandeo.

Mediante a experimentación a través dos sentidos, concienciarase da importancia de ser respectuosos co medio e aprender a valorar o río Mandeo e a súa contorna.

Manu guiaranos nesta aventura que próximamente poderedes atopar na nosa tenda. Mentras podedes ir camiñando pola ruta da Moa e o Pan.

Deixar unha resposta